Cartas ao Director

CARTA ABERTA A PABLO VAAMONDE

 María Teresa Castro Villaverde, Vimianzo. Martes 29 de xaneiro de 2008

Estou estupefacta ante a actitude de Pablo Vaamonde no artigo do Venres 25 de Xaneiro na Voz de Galicia. Preséntase este señor como médico de cabeceira moi contento coa súa situación laboral, pero esquece dicir que ate fai moi pouco tiña un cargo de responsabilidade política na consellería de Sanidade. Será por esa razón que todo lle parece estupendo no estado da sanidade galega? Dubido que unha persoa supostamente tan coñecedora do estado da Atención Primaria confunda algunha opinión airada, froito do apaixonamento, coas decisións tomadas pola Coordinadora de Atención Primaria.

O que si defendo, neste ou en calquera outro foro, é que hai accións de presión que o persoal sanitario de Urxencias Extrahospitalarías imos levar ate o final por dignidade persoal e profesional. Dende fai máis de tres meses tras colaborar de forma moi importante con unha empresa que ten moi pouca memoria (SERGAS), solicitamos se cumpriran os compromisos adquiridos previamente con nos, e, ¡sorpresa!, a mellora laboral consiste en unha extensión da nosa xornada en máis de 300 horas.A cambio de tan intensa actividade recoñecen que dentro de catro anos,  temos dereito a cobrar un complemento por traballar de noite e en festivos, e ademais esas horas que traballemos a maiores tamén nolas van a pagar ¡Qué dispendio! ¡Qué xestores!

Non sei de onde saca o dato de que os médicos que realizan gardas poden superar amplamente os 4000€ netos mensuais. Pódolle asegurar que non está a falar de os de Urxencias Extrahospitalarias. Levamos anos prolongando xornada, organizando o traballo de Urxencias, aceptando gardas fora de calendario cando foi necesario, colaborando coa administración para que isto funcione… Levamos meses solicitando un horario e uns complementos aos que temos dereito fai tempo, concentrándonos pacificamente para mostrar o noso malestar, pechándonos nas Xerencias de Atención Primaria para reclamar o que consideramos noso, incluso comprometéndonos a ampliar a nosa xornada para evitar a creba do sistema. En ningún momento en todo este tempo faltamos ao noso traballo, cumprindo escrupulosamente, incluso cando de forma que consideramos abusiva, se nos obrigou a ampliar a nosa xornada.

Por todo o anterior, señor Vaamonde se quere saber porque é unha cuestión de dignidade, acuda as nosas asembleas nas que aceptaremos de bo grao calquera suxerencia, para que os responsables de esta situación non provoquen que os médicos galegos sigan a emigrar cinco lustros despois.

 

María Teresa Castro Villaverde, Vimianzo

 

 
 
 

© Agrupación  Médica de CIG-Saúde

webmaster@agmedica.org