O debate
establecido en CIG-Saúde sobre o papel do persoal facultativo no
sindicato, e a última acción sindical, pulando das mobilizacións dos
médicos e médicas, tivo como unha das súas consecuencias a decisión de
crear a
Agrupación Médica de CIG Saúde (AgM - CIG Saúde)
que, a principios de xuño de 2004, tomou o Consello Nacional do
sindicato.
Esta decisión
supón un fito histórico no sindicalismo sanitario galego e español: un
sindicato de clase, a CIG, maioritario entre o conxunto dos
traballadores e traballadoras da sanidade, decide afrontar un problema
común a todos os sindicatos de clase entre os médicos e médicas: buscar
fórmulas para superar a debilidade da súa presenza organizada entre os
facultativos, e combater a aparente hexemonía dos sindicatos
corporativos nestes sectores profesionais.
As médicas e
os médicos afiliados de CIG-Saúde, consideramos que a creación dunha
estrutura organizativa específica de facultativos, dentro do sindicato,
abre unha nova e ilusionante xeira no sindicalismo sanitario galego.
Consolidar a
Agrupación Médica de CIG Saúde
como un
referente organizativo útil para a defensa das lexítimas reivindicacións
dos facultativos, afortalando a unidade interna de CIG-Saúde, é a tarefa
que temos por diante. A nosa páxina web,
http://www.agmedica.org,
incorpórase a esa tarefa.