|
A
Comisión de Seguimento do Acordo, celebrada o 11/04/2008, rexeitou
de xeito unánime a súa pretensión de interpretar o Acordo no sentido
de que o persoal de PACs fora discriminado na cobertura das gardas
obrigatorias que poida ser preciso cubrir no futuro.
Recibida
a comunicación da vontade de CESM de asinar o “Acordo sobre as
condicións de traballos nas Unidades e Servizos de AP”, e de
adherirse ao de PACs, do cal nos congratulamos, e á vista das
declaracións e publicacións feitas por esa organización sobre a
interpretación da cláusula das gardas forzosas, dende CIG-Saúde
expuxemos, ao inicio da xuntanza da Comisión de Seguimento dos
acordos, celebrada o venres 11 de abril, que para aceptar a
incorporación da CESM aos ditos acordos era imprescindible unha
aclaración expresa desa cláusula por parte da Comisión de
Seguimento.
Na
argumentación feita pública por CESM dos motivos polo que asinan o
acordo, xoga un papel central que este establece que
“no se podrá obligar al
personal de ordinaria a hacer guardias mientras haya personal en
paro y el personal de PAC y el Voluntario no hayan llegado a la
jornada máxima obligatoria” de 2.090 horas.
Segundo
o criterio de CIG-Saúde, tal interpretación é contraria ao sentido
dos acordos asinados,
pois o que neles se establece é que todo o persoal de AP, tanto de
PACs como de Ordinaria, ten unha xornada regulada: teñen a súa
xornada ordinaria e teñen unha xornada complementaria voluntaria. E
cando, para a cobertura das gardas, non abonde con esas horas e
tampouco haxa persoas no paro, e tampouco haxa ninguén dos que
estean traballando que asuma voluntariamente facer esas horas de
máis, só entón poderá obrigarse a facer gardas polo tempo
imprescindible a todo o persoal de primaria, de PACs e de Unidades,
repartindo esas cargas forzosas de forma equitativa entre todos
eles. Iso di o acordo que CIG asinou e, nel, baixo ningún concepto
se establece a existencia de profesionais de primeira e de segunda
en AP en canto a dereitos laborais; pola contra, o Acordo establece
que todos os profesionais, de PACs e de Ordinaria, teñen as mesmas
obrigas de cobertura excepcional e forzosa de horas por encima da
súa xornada se non existe outra solución mellor.
Nesta
situación, ao inicio da xuntanza, o noso sindicato pediulle á
Comisión de Seguimento que se pronunciara sobre a interpretación
deste aspecto fundamental, antes de que se producira a sinatura de
CESM do acordo co fin de que CESM (e todos) tivéramos claro qué
acordo estabamos asinando.
Pois
ben, tanto a totalidade das Organizacións Sindicais asinantes dos
acordos, como os representantes da Administración (incluídos todos
os xerentes de AP) presentes na xuntanza, manifestaron claramente
unha interpretación contraria á realizada por CESM, remarcando que
os acordos defenden a garantía do reparto equitativo entre todos os
profesionais, tanto de ordinaria como de PACs, das gardas forzosas
que sexa preciso efectuar por riba da súa respectiva xornada
ordinaria e, no seu caso, da voluntaria.
A
vista deste pronunciamento unánime CESM decide non asinar o acordo e
consultalo cos seus órganos de decisión, pois segue a manter que na
Atención Primaria existen dúas clases de profesionais, os de PACs
con obriga de estender a súa xornada ata 2.090 horas e o resto.
Compostela, 11 de abril de 2008 |