Os representantes de CIG-Saúde na Mesa Sectorial péchanse no Sergas pedindo unha nova proposta para os PACs

O día 19 de febreiro, reúnese a mesa sectorial para abordar os temas que afectan a atención ordinaria, relacionados co Plan de Mellora.

Ao inicio da reunión CIG-Saúde manifesta que é necesario que na reunión se fale da proposta do Sergas sobre os PACs, para saber se fará unha nova proposta ou manterá a que presentou, como definitiva e inamovible, na reunión anterior.

A administración non quere falar do tema, argumenta que non ten estudadas as alegacións, e que non falará até a próxima reunión. Para a nosa sorpresa o resto das organizacións sindicais presentes na Mesa tamén se negan a falar dos PACs, por que, segundo din, non toca na orde do día.

CIG-Saúde, ao final da reunión, pregúntalle a RR.HH. se vai facer unha nova proposta sobre PACs, pero a administración segue negándose a responder. O resto de Organizacións marcha da reunión.

Os representantes de CIG-Saúde deciden quedar pechados nas instalacións do Sergas até ter unha confirmación oficial da convocatoria da próxima reunión e de que nela se fará unha nova proposta. Tras varios contactos, se nos fai entrega da convocatoria oficial de nova reunión, que será o venres 22 de febreiro, e da orde do día, onde figura que o Sergas dará resposta as alegacións presentadas.

Como a resposta non parece suficiente, se fala co Secretario Xeral do Sergas, quen garante que o venres se fará unha nova proposta. Con esta garantía, e esperando que esa nova proposta vaia na liña do solicitado por CIG-Saúde, as 21:00 horas a representación de CIG-Saúde sae do Sergas.

Begoña Peiteado, Xan Ramón Fernández Cid, Lois Méndez,

 Xoán Cons, Víctor Vila e Manuel G. Moreira (autor da foto)

© Agrupación  Médica de CIG-Saúde

webmaster@agmedica.org