|
|
|
|
A ASOCIACIÓN GALEGA D@S MÉDICOS (AGM) REXEITA A LEI DE ORDENACIÓN SANITARIA DE GALICIA (LOSGA). |
|
|
A AGM rexeita esta Lei e traballará no futuro para lograr a súa modificación buscando o maior consenso posible, tendo como referentes a defensa dunha sanidade publica eficiente e a defensa dos dereitos dos médicos e do conxunto dos traballadores da sanidade. O seguinte artigo, da autoría do Dr. López Álvarez, resume os motivos polos que a AGM non considera axeitada a LOSGA. Dende a aprobación da Lei Xeral de Sanidade (LXS) estaba pendente definir que elementos integran o noso sistema de saúde e como debían organizarse estes para dar soporte a estructura o sistema sanitario público. Era necesario asegurar para o século XXI unha sanidade como valor social e non só como sistema de prestación de servicios e debíase garantir o dereito a protección da saúde segundo a carta de dereitos fundamentais da unión Europea. Por fin, tras doce anos dende a transferencia das competencias sanitarias, temos unha Lei de Ordenación Sanitaria de Galiza (LOSGA), aprobado no parlamento galego exclusivamente cos votos do Partido Popular e co rexeitamento do Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego. Esta Lei debía satisfacer e dar solucións as demandas dos profesionais sanitarios e o que logrou foi un rexeitamento maioritario entre o persoal sanitario. O grupo político gobernante, non foi capaz de aglutinar ós mellores profesionais sanitarios, técnicos da administración sanitaria, sindicatos, grupos políticos, para lograr un consenso nun tema tan transcendental para o futuro da protección social na Galiza. Era necesario contar coa opinión dos cidadáns e dos profesionais sanitarios, e era recomendable procurar o maior consenso social e político, xa que é unha lei vital para afrontar os problemas da sanidade galega e situarnos con capacidade para resolver as necesidades de saúde da poboación. Unha Lei consensuada daría resposta os actuais e futuros problemas asistenciais e sociosanitarios, sen embargo, o Partido Popular fixo uso da súa maioría absoluta e non buscou consenso, nin admitiu as múltiples suxerencias realizadas (Sindicatos, Colexios de Médicos, Asociación de Defensa da Sanidade Publica, Defensor do Pobo, Consello de Contas, etc). Así o informe do Consello Económico e Social (CES) cuestionaba aspectos claves do anteproxecto de Lei, como a integración de centros privados na rede sanitaria publica, a consolidación de entidades con personalidade xurídica propia como fundacións ou MEDTEC ou a fórmula do copago na asistencia sociosanitaria. O informe mantén o que di a LXS, que a sanidade privada debe manter o carácter complementario da publica, e só debemos acudir a ela cando as necesidades asistenciais o xustifiquen. No sistema sanitario galego existen múltiples evidencias do distanciamento entre oferta e demanda de servicios sanitarios, pero incluso dende a perspectiva de adecuar as prestacións sanitarias ás dispoñibilidades económicas do sistema, era necesario articular unha lei que respondese a definición territorial de Galiza (equilibrar o acceso á tecnoloxía en todas as áreas de saúde, xa que hai diferencias importantes entre provincias ), que servise para mellorar as deficiencias de accesibilidade ó sistema público de saúde, que avanzase na distribución adecuada dos recursos e na coordinación de tódolos dispositivos sanitarios para mellorar a calidade dos servicios protexendo e mellorando a saúde de tódolos cidadáns, e incluíndo a atención sociosanitaria das persoas dependentes. A fórmula do copago na atención sociosanitaria non é admisible, xa que a LXS di “tódolos españois teñen dereito a asistencia sanitaria a cargo do sector publico”, o Pacto de Toledo (ano 2000) recoñece que o financiamento é totalmente con cargo ós impostos que pagamos, polo tanto debemos rexeitar totalmente a posibilidade do copago, xa que esa formula rompe o principio de gratuidade e equidade efectiva que rexe as prestacións do Servicio Nacional de Saúde e agudiza a situación de doentes de contextos socioeconómicos débiles (doentes crónicos ou dependentes). Na Galiza a porcentaxe do PIB dedicado á sanidade é dos máis baixos dos países da Unión Europea, situación agravada pola paralización de orzamentos sanitarios (obxectivo déficit cero), a reducción dos investimentos, aumentando só de maneira significativa os gastos derivados do gasto farmacéutico e de concertos con centros privados. O modelo de sanidade mixta de asistencia sanitaria recollido na lei, só beneficia ós centros privados, porque sitúaos ao mesmo nivel que a sanidade pública e permítelle acceder a fondos públicos sen trabas, cando os seu medios son moito menores que os da sanidade pública. Polo tanto pódese afirmar que a LOSGA crea moitas dúbidas nos profesionais que traballamos na sanidade e non da respostas a ningún dos problemas graves que ten a sanidade galega. Son inaceptables as deficiencias de accesibilidade (listas de espera), non existe a libre elección de médico nin de centro sanitario, enfoca as relacións laborais aumentando a discrecionalidade dos xerentes e empeorando as condicións de traballo, despreocupándose de buscar medios de incentivación profesional. Sen dúbida, este modo de dirixir terá consecuencias na calidade da asistencia. Asemade, introduce confusión tanto para os profesionais como para os usuarios na diferenciación do que é privado e público e non clarifica as funcións da sanidade pública e da privada. Introdúcense dúas figuras que poderían ser interesantes, o Valedor do Usuario e as entidades de participación cidadán. A figura do Valedor nace desacreditada, xa que malamente vai valer aos doentes cando é nomeado e cesado polo propio Conselleiro de Sanidade e as entidades de participación cidadán xa figuraban na anterior Lei, pero en once anos non se constituíu ningún destes órganos de participación. Non son do agrado da Consellería de Sanidade, cando é seguro que, de terse creado, o control democrático que exercerían produciría un maior esforzo dos xestores pola calidade, pola reducción das listas de espera e a humanización da asistencia. Os defensores do sistema publico de saúde queremos reforzalo, clarificar as súas funcións e a diferenciación entre ámbito privado e público da actuación sanitaria, e dotalo tanto de garantías de calidade técnica como de garantías de participación e control da cidadanía. É necesario e urxente unha lei de ordenación sanitaria, pero non así, ademais dita lei debe recoller unha nova definición de saúde, xa que a definición clásica (estado completo de benestar físico, mental e social), non fala de problemas fundamentais do século XXI, como o medio ambiente ou atención sociosanitaria. Polo tanto é necesario que na lei se fale de saúde como estado de completo benestar físico, mental, social e ecolóxico, e non soamente como ausencia de enfermidades. Dita lei debe cubrir non só as continxencias derivadas da enfermidade, senón tamén a atención á dependencias. A Comisión da Comunidade Europea, xa se pronunciou e afirma “a existencia dunha protección de calidade contra o risco de enfermidade e dependencia é un logro que hai que protexer e adaptalo ós novos tempos”, polo que a lei debe enmarcarse neses principios, tendo presente o envellecemento da poboación, por eso é necesario adoptar medidas desde os poderes públicos para asegurar de forma universal o acceso á atención sociosanitaria e a súa sostenibilidade financeira. En resumo, esta Lei non esta a satisfacer as demandas dos profesionais sanitarios xa que non da solucións ós problemas da sanidade galega (escaseza de financiamento, mala xestión e distribución dos recursos existentes, nula xestión das listas de espera, desigualdades asistenciais entre zonas) e traerá consecuencias desastrosas para o sector público, xa que crea mecanismos para desviar diñeiro público a empresas privadas con ánimo de lucro, deteriora as condicións laborais dos traballadores sanitarios e suprime a gratuidade da atención sociosanitaria (doentes crónicos e discapacitados). Servando López Álvarez. Complexo Hospitalario Juan Canalejo – Marítimo de Oza Decembro 2003 |
© Asociación Galega d@s Médic@s webmaster@agmedicos.org