Quen é quen no Acordo da Mesa Sectorial sobre condicións de traballo en Unidades e Servizos de Atención Primaria   

Compostela, 11 de abril de 2008

 

O pasado dia 4 de abril procedeuse a firmar na Mesa Sectorial do Sergas o texto definitivo do Acordo sobre condicións de traballo do persoal das Unidades e Servizos de Atención Primaria.  Como é sabido, ese acordo foi subscrito por CIG e outras organizacións sindicais, entre as que non estaban Cesm e Csif.

 

Estas dúas organizacións viñeron mantendo nas semanas anteriores un conflito (con ata 13 días de folga) contra ese acordo, que non é máis ca culminación do preacordo xa subscrito previamente o dia 22 de febreiro.  Agora, esas dúas organizacións din que desconvocan o conflito porque o acordo é bó (tanto que no caso de Cesm deciden agora firmalo e firmar tamén o de Pacs) e que queren vixiar o seu cumprimento.  Xustifican ademais ese cambio de posición na idea de que o texto do 4 de abril mellora o preacordo do 22 de febreiro grazas á súa mobilización e á incorporación das súas propostas.  Nada máis lonxe da realidade, e debemos denunciar o cinismo e o oportunismo do comportamento sindical de Cesm e de Csif.

 

É necesario deixar meridianamente claro que os contidos do acordo do 4 de abril son os mesmos cos do preacordo do 22 de febreiro.  O preacordo do 22 de febreiro só podía converterse en acordo definitivo cando integrase nun único texto os acordos parciais acadados nas actas do 21 de xuño de 2007, do 16 de xaneiro de 2008 e do 19 e o 22 de febreiro.  Para esa integración de textos o Sergas fixo unha proposta que foi modificada en aspectos de redacción e de contidos polas propostas da CIG para converterse finalmente no texto asinado.  Nada teñen que ver nin Cesm nin Csif en todo iso, para o que só hai que revisar e comparar as propostas presentadas por cada quén*.

 

Dende a CIG entendemos que Cesm e Csif só fixeron dano coa súa folga, rachando no seu dia a forza da Plataforma Sindical, enganando aos traballadores, e meténdose no calexón sen saída dun conflito que se quedou sen osíxeno.  Que agora digan que é un acordo marabilloso o mesmo que hai un mes non valía, só se explica dende o cinismo e dende a necesidade de lavar a cara.

 

Por outra parte, hai un aspecto parcial e concreto que nos preocupa especialmente.  Cesm e Csif din agora que valoran positivamente o acordo para UAPs porque “non se poderá obrigar ao persoal de ordinaria a facer gardas mentres o persoal de PAC e os que fan gardas voluntarias non cheguen a facer 2090 horas” anuais.  Outra falsidade: que llo digan tamén aos de PAC, porque a eles Cesm e Csif dinlles xustamente o contrario, que son iguais cos de Ordinaria.

 

Que quede claro:  todo o persoal, de PACs e de Unidades, ten unha xornada regulada; teñen a súa xornada ordinaria e teñen unha xornada complementaria voluntaria.  E cando iso non chegue para cubrir todas as horas necesarias, e tampouco haxa persoas no paro, e tampouco haxa ninguén dos que esté traballando que asuma voluntariamente facer esas horas de máis, só entón poderá obrigarse a facer gardas polo tempo imprescindible a todo o persoal de primaria, de PACs e de Unidades, repartindo esas cargas forzosas de forma equitativa entre todos eles.  Iso é o que dí o acordo e non pode ser doutra maneira.  Non hai profesionais de primeira e de segunda en primaria en canto a dereitos laborais, e todos teñen as mesmas obrigas de cobertura excepcional e forzosa de horas por encima da súa xornada si non existe outra solución mellor.  Ese é o criterio de CIG-Saúde e ese é o criterio dos dous acordos, sen trampa nin cartón.

 

En todo caso, alegrámonos de que Cesm e Csif valoren agora positivamente os acordos, alegrámonos de que Cesm queira agora firmalos tamén, e sabemos que só recuperando a unidade de acción e de obxectivos seremos fortes para garantir unha correcta aplicación do conseguido e para lograr novas melloras no futuro.

 

Compostela, 11 de abril de 2008.   

 

*Alegacións ao texto consolidado presentadas por CIG-Saúde

*Alegacións ao texto consolidado presentadas por CESM

 

© Agrupación  Médica de CIG-Saúde

webmaster@agmedica.org